7 de jan. de 2016

Orquidario con flores

Volvemos das vacacións de nadal e atopámonos esta orquídea en plena floración. Pertence ao grupo das orquídeas de exterior do xénero Cymbidium, un nome que provén do grego kimbe que significa barco, pola forma de barco que ten o labelo da flor. Este detalle é apropiado para este lugar á beira da praia e baixo a rede do cerco que rodea a estructura do Orquidario. 

As orquídeas Cymbidium florecen entre setembro e xaneiro e as flores poden ser de cor amarela, verde, branca ou  rosa monocromas ou combinadas. Din que poden chegar a dar 25 flores por vara e tres ou catro varas por estación (vese que a estación destas flores é o inverno celta que vai do Samaín á Candelaria).

Esta ten un ton verdoso amarelado e botou praí ducia e media de flores o que non está nada mal.

É a primeira Cymbidium do noso Orquidario en florecer de xeito exhuberante, despois das Bletilla striata que foron as pioneiras na floración e agradecémoslle que responda con esa alegría aos mimos que recibe dos seus coidadores. Esperamos que cunda o exemplo e que as demais plantas do Orquidario se sintan motivadas e nos agasallen cos seus garridos vestidos.

Nenhum comentário: