30 de mar. de 2017

A espiral volve tomar forma

Despois da chuvia e tras os días de calor as plantas invasoras non perdoan e van dando conta de todo, dos cultivos, dos camiños e de canto curruncho terroso se atopan. A espiral queda media sepultada entre a vexetación polo que de vez en cando hai que ripar as herbas para poder visualizar os espazos e deixar sitio a novas plantacións de aromáticas que esa era a finalidade deste recanto cheo de doces recendos.
Igual que no orquidario, tras colocar a malla antiherbas, o camiño da espiral cúbrese de area o que dá un aspecto moito máis limpo e ordenado.
As flores amarelas da dereita son de ruda, que non convén rozar pois deixa marca como unha mofeta pero non pode faltar nunha botica de medicinais. A ruda  usábase en tempos entre outras cousas para espantar as lombrigas que parasitan o intestino.


Os tomillos xa viron tempos mellores e nesta fase están de capa caída, non como o romeu rastreiro que se desmelenou e houbo que recortar para que non o tapase todo. A  nébeda (Calamintha nepeta) entre a santolina e o falso curry, un par de pés de apio (Apium graveolens). Na zona da dereita que non se ve volverán crecer o anisado estragón (Artemisia dracunculuse a familia das labiadas: melisa con recendo de limón, mentrastos, piperita... que xa estaban en terra ademais do coriandro  (Coriandrum Sativum) recén sementado.

Nenhum comentário: