A primeira tarefa pendente é colocar a pedra que chegou a finais do curso pasado, así que empezamos a construción dun camiño orientado de leste a oeste que vai unir os distintos elementos do xardín.
O empedrado arranca dun extremo da beirarrúa, pasa a rentes da pérgola, do composteiro e da cúpula e vai ir dar ao estanque.
Para asentar as lastras, ponse por baixo terra e por enriba area, para que asenten. Cómpre facer uso do nivel para que fiquen horizontais e dunha medida fixa para que a largura sexa uniforme ao longo do camiño. As beiras levan unha fileira de pedra máis grande e no medio aséntanse outras cúbicas máis pequenas.
Na imaxe da dereita o pavimento vai chegando ao liquidambar onde fará outra curva. O largo ten que ser suficiente para que pase unha cadeira de rodas ou un carriño de bebé facendo o paso accesible para todo o mundo.
Que facer co resto da pedra mentras non se usa? De momento vai soster a
estrutura metálica que sempre andaba estorbando. Isto fai xurdir a idea
dun xardín vertical. Será posible? Imos ver...
Nenhum comentário:
Postar um comentário