5 de fev. de 2016

Viñeron do Concello para recortar as tuias. O malo é que de cara aos días de calor quedaremos sen sombra.   O bo é que con levantar un pouco a vista miraremos o mar. Baixo as tuias faremos un paseo no que poremos bancos. Bancos para meditar e ter pensamentos filosóficos, ou para ler sen que ninguén incordie. Sería bo que co tempo, este espazo formase parte do recreo e que calquera no instituto o usase para tomar o sol, a sombra ou un par de mandarinas.

Actualmente non dá máis que traballos: cortar herba, controlar invasoras coma o gramón e o papiro, cortar madeiras, poñer cartóns para que non medre a herba e máis tarde facer camiños, recoller o lixo que se coa por debaixo da cerca, apañar pedras e vidros e cascallo do antigo edificio, regar cando ven a seca ou facer buratos para prantar novas árbores de froito.

As toupas teñen o seu verxel aquí pois o solo areoso é bo de furar e ás veces encontran algún que outro manxar na horta. Os caracois non digamos, eses campan a todo o longo e ancho.

Sabemos da existencia de sapos pois atopamos xa un par deles e hai ratos que aniñan no caseto das ferramentas desde que a gata que vivía aquí desapareceu.


Nenhum comentário: