6 de nov. de 2015

barbantesa


A barbantesa, louva-a-deus, parraguesa ou carballesa é parda ás veces e ás veces verde. O normal é que as cores fosen variábeis para pasar desapercibida mais aquí faise ben visible, castaña clara sobre verde escuro. O nome oficial, na clasificación de Linneo, é Mantis religiosa seguramente o nome específico viralle da postura que adopta a miúdo xuntando as patas de diante como nunha prece. Mais pese ao seu louvor e fervor, a femia ten mala fama, desque para nutrir as futuras larvas tense que alimentar das proteínas do seu conxénere macho que ten menor tamaño ca ela e a quen comeza en pleno apareamento a devorar pola cabeza. Non por algo digamos persoal senón de supervivencia. Bioloxía manda!

O que chama  poderosamente a atención deste bicho é a súa inmobilidade e o xeito de dar repentinas sacudidas e  como olla e volve a cabeza xirándoa até 180º cal nena do exorcista.

Teresa pon a mesa é outro dos seus nomes. Méndez Ferrín chámaa así nun conto seu en "Percival e outras historias" .
En castelá un dos nomes é moi curioso e musical: Mamboretá!

Nenhum comentário: