10 de jun. de 2016

Antón e a cúpula xeodésica

As ideas son como as sementes. Bótanse a boleo, ou en ringleiras, e ás veces prenden. Cando vimos a primeira cúpula de Antón dentro do instituto feita polo seu alumnado de Tecnoloxía propuxémoslle traballar co grupo do observatorio para facer unha máis grande no xardín coa intención de poñer alí trepadeiras, ou tal vez un invernadoiro. Cando estivo lista, intentamos plantar ervillas dentro e que treparan, pero os páxaros comíanas. Outras plantas foron devoradas polas toupeiras e tampouco prosperaron. O tema do plástico para facer o efecto estufa pareceunos perigoso por causa dos ventos. Logo chegou Clemente coa súa rede do cerco que lle colocamos á cúpula por fóra como unha luva protectora. Finalmente, grazas aos mimos e coidados de Antonio e de Merchi as orquídeas florecen dentro dela -cando lles toca florecer- tamén os bulbos de narcisos e lirios e varas de San Antón -por certo- e os pampillos e outras flores diversas.
Mais o tempo pasa e os materiais de que está feita non son precisamente eternos, xa vemos como os paus de vasoira comezan a combarse. Se ven un temporal, acabouse! Por iso queremos convencer a Antón para que nos axude a facer unha cúpula nova e el parece animarse e está a pensar nunha máis completa e esférica, así que non vos dispersedes de todo a andade ao loro, por se volve Antón.

Antón, diante da cúpula que acolle agora o orquidario

Nenhum comentário: