Imos comprobando que hai cultivos que aquí non se dan mal:
Pementos e tomates plantados a primavera pasada apañaron no verán todo o sol da praia e a finais de agosto as plantas estaban cargadas de froitos.
Os cherris non pararon de producir até ben entrado o outono e eran doces e saborosos.
De só dúas plantas saíron unha chea de fermosos cabaciños e outras dúas deron algunhas berenxenas que en cambio non creceron gran cousa. Tampouco as acelgas cundiron moito. As espinafres rastreiras si.
As aromáticas en xeral danse ben, particularmente o ourego rastreiro, o tormentelo, o romeu, a melisa e as mentas, e todas as que nacen vintureiras: macela, mentrasto, chantaxe, dente de león...
No que vai de curso, en febreiro xa apañamos un cesto de patacas do cedo que segundo as que as probaron estaban riquísimas.
María Rodríguez tróuxonos algunhas máis xa co grelo e partidas para plantar que botamos en tres surcos rodeadas de berzas.
A lúa vai minguando, o que será supostamente favorable ao crecemento dos tubérculos que crecen dentro da terra. A ver. Tamén hai que cubrir con algas a terra porque ademais de aireala, alimenta e dá sabor ás patacas.
Algas de cobertura das patacas: nutren dan sabor
Nenhum comentário:
Postar um comentário